|
Pezas paleolíticas de Sober, entre as que figuran as de Proendos. |
Contar a historia a través dos obxectos é un clásico moi utilizado nos museos, exposicións ou ensaios como La historia del mundo en 100 objetos, de Neil MacGregor, daquela director do British Museum.
Os obxectos fálannos da Cultura e da época de quen os fabricaron e utilizaron, podéndose alongar o seu uso varias xeracións e, mesmo, cambiar de función antes de deteriorarse ou caer no esquecemento. MacGregor pretendía falar do mundo enteiro nun dilatado período de tempo. Nós tamén. Proendos é mundo onde a humanidade despregou estratexias de supervivencia.
|
Lasca aparecida en Froxán. |
Comezamos polo principio. O Manolo do Cápito, orixinario das terras de Sante en Bulso, andando nunha parede en Froxán, atopou dous obxectos de cuarcita que nos falan dos principios do ser humano, cando recibía o nome de “homo Heilderbergensis”, para facernos unha idea, hai uns 500.000 anos, que, uns centos de miles de anos cara o presente, evolucionaron no home de Neanderthal.
Andando o tempo, o Neanderthal, humano xenuinamente eurasiático, conviviu e mezclouse coa nosa especie sapiens sapiens chegada de África hai uns 50.000 anos antes do presente.
Ao parecer, en xeral, os de Proendos conservaríamos nos xenes ao redor dun 3% de Neanderthal.
|
Lugar de Froxán. |
Cada unha destas especies humanas elaboran, tendo como base útiles anteriores, outros máis perfeccionados, ata chegar á complexidade e sofisticación dos actuais. De feito, algúns seguen a ser tan simples como un clip ou un palillo.
Os obxectos atopados en Froxán polo Manolo do Cápito, que poderíamos situar no Pleistoceno Medio, pertencen á tipoloxía Achelense do Paleolítico inferior, supoñen un avance con respecto ás culturas dos cantos tallados de anteriores etapas de humanización representadas polos chamados Antecessor ou Erectus. Consisten: nun biface tallado sobre un núcleo de cuarcita con golpe que require certa precisión para facer un corte dentado, e nunha lasca extraída dun núcleo á que se lle traballaron o corte coa chamada “técnica de Levallois”.
|
Biface de Froxán. |
A pesares do desgaste, aínda se pode apreciar a pericia dos ou das talladoras, especialistas con que cada comunidade contaría, técnicas transmitidas cunha das ferramentas fundamentais do ser humano: a cultura.
Nos dous casos os útiles apareceron en superficie, descontextualizados do substrato orixinal, facendo imposible aproximar unha datación precisa. Baseámonos, logo, na tipoloxía, para localizala nese amplo intervalo temporal que correspondería con este xeito de traballar a pedra.
O biface e a lasca que, grazas á sensibilidade do Manolo do Cápito non acabaron de forra da parede, son a primeira mostra dos nosos antepasados da parroquia. Isto permítenos alongar a mirada uns cantos centos de milleiros de anos cara atrás. Por algo tiñamos que empezar.
|
Algúns dos útiles paleolíticos aparecidos no Concello de Sober. |